
Xornadas de Divulgación
“Falemos do futuro da vitivinicultura en Galicia”
Co obxectivo de fomentar e potenciar a vitivinicultura galega, zonificar e clasificar o viñedo e recuperar a historia e tradición dos grandes viños de Galicia, a Asociación de Colleiteiros do Ribeiro e de Vitivinicultura Artesanal de Galicia, en colaboración co Museo do Viño de Galicia, organiza as Xornadas “Falemos do futuro da vitivinicultura”, que tiveron lugar, e xa van catro edicións, no Museo do Viño de Galicia, situado na Reitoral de Santo André de Camporredondo (Ribadavia).
Estas xornadas naceron co propósito de abrir un espazo de encontro, debate e reflexión sobre o presente e o futuro do sector vitivinícola galego. Tratanse cuestións fundamentais que afectan aos viticultores e adegueiros artesáns, ás novas tendencias de consumo, á proxección dos viños galegos no mercado internacional, á clasificación e posta en valor dos viñedos históricos e á necesidade dunha viticultura rexenerativa e sostible, tanto para o consumidor como para o territorio.
Unha vitivinicultura con raíces e futuro
Para os colleiteiros galegos, o futuro do viño pasa por recoñecer o valor do territorio, da historia e da diversidade das castas autóctonas. As zonas tradicionais de viñedo, con séculos de historia e arquitectura rural asociada, representan un patrimonio agronómico e cultural que cómpre protexer, estudar e recuperar.
As xornadas pretenden poñer en común experiencias, coñecementos e proxectos que axuden a consolidar unha vitivinicultura baseada na identidade, a calidade e o respecto polo medio, afastada dos modelos uniformizadores que reducen o viño a unha cuestión de variedade e mercado.
Presentación das Xornadas
O vicepresidente da asociación, Antonio Míguez, presenta o obxectivo polo que se crearon estas xornadas:
Temas e obxectivos principais
Durante as sesións celebradas abordaronse cuestións como:
- A zonificación e clasificación dos viñedos galegos segundo a súa calidade e valor histórico.
- A viticultura rexenerativa e os novos retos ambientais.
- A recuperación do patrimonio arquitectónico e paisaxístico ligado ao viño.
- A historia e tradición vitivinícola como base de identidade e diferenciación.
- As tendencias no consumo e comercialización dos viños galegos.
- O papel dos pequenos produtores no desenvolvemento sostible do rural galego.
O obxectivo final é impulsar un tempo novo para o viñedo en Galicia, baseado na unión entre tradición, calidade e innovación responsable.
Participantes e enfoque
As xornadas contan coa participación de historiadores, enólogos, sumilleres, distribuidores, importadores, xornalistas, divulgadores e viticultores, que achegan a súa visión e experiencia para analizar os retos e oportunidades do sector.
Compromiso co territorio
Dende a Asociación de Vitivinicultura Artesanal de Galicia, defendemos unha vitivinicultura que fale do territorio, que respecte o seu ritmo e a súa paisaxe, e que contribúa á vida das aldeas e das persoas que as habitan.
Apostamos por viños diferenciados, saudables, con valor engadido e proxección internacional, pero, sobre todo, por viños con alma, que conten a historia de quen os fai e da terra que os dá.