Clasificación e zonificación do viñedo en Galicia

A Asociación Galega de Vitivinicultura Artesanal defende a necesidade de avanzar cara a un modelo de zonificación e clasificación do viñedo galego que recoñeza a diversidade e o valor dos nosos territorios vitícolas. Trátase dun paso imprescindible para situar Galicia no mapa mundial dos viños de calidade, poñendo en valor a súa orixe, os solos, as variedades e o traballo dos pequenos produtores.

Durante anos, os colleiteiros do Ribeiro veñen reclamando a clasificación dos solos e das fincas como ferramenta para transmitir ao consumidor unha imaxe de maior rigor, transparencia e autenticidade. Outras denominacións de orixe, como Bierzo ou Rioja, xa avanzaron neste camiño, e Galicia non pode quedar atrás se quere competir en calidade e prestixio.

Categorías

O modelo que propoñemos parte da idea de que non todos os viños son iguais nin todos os viñedos teñen o mesmo valor histórico, edáfico ou cultural. Por iso, cómpre establecer categorías segundo a súa orixe e singularidade, recoñecendo desde as denominacións de orixe e indicacións xeográficas actuais ata os niveis máis específicos:

  • Viños de subzona: elaborados con uva procedente dunha subzona pertencente a D.O. ou I.X.P, reflectindo características xerais dese territorio.
  • Viños de concello, elaborados con uva procedente dun único municipio.
  • Viños de parroquia ou aldea, que reflicten a identidade dun territorio máis reducido e concreto.
  • Viños de viñedo singular, procedentes de parcelas con máis de 15 anos, cunha expresión marcada polo solo, a orientación e a idade da viña.
  • Viños de viñedo histórico, auténticas xoias da viticultura galega, con máis de 75 anos e valor patrimonial incalculable.

Este sistema de clasificación axudaría a ordenar e comunicar mellor o valor dos nosos viños, premiando o traballo dos viticultores comprometidos coa terra e coa calidade. Ao mesmo tempo, permitiría protexer os viñedos tradicionais e as variedades autóctonas, fronte á perda de superficie e á homoxeneización do territorio.

Finalmente, reclamamos que se recoñeza o valor cultural e social do viño galego, un produto que forma parte da nosa identidade e do noso xeito de vivir. O viño non é só unha bebida: é un elemento de patrimonio, de convivencia e de memoria colectiva, que debe ser defendido e apoiado polas institucións.