
Héctor Pérez – Microparaxes
Raíz
A nosa pequena adega nace na memoria da terra de Ribadavia, epicentro vitivinícola dende a Idade Media. Un territorio con tradición milenaria e recoñecido polos seus viños moito antes da existencia de regulacións modernas.
Eu son Héctor Pérez, e son viñador. Artesán que traballa a terra que piso e intérprete da paisaxe que embotello. Custodio dun legado que comezou coas mans de meu bisavó e que hoxe continua nas mesmas parcelas de minifundio que a familia coidou.
Non busco fabricar un produto de sabor estandarizado, se non acompañar a uva para que se exprese tal e como é ese ano. O traballo baséoo no respecto polo ecosistema do viñedo, dándolle suma importancia os solos como fonte de equilibrio. Recupero ademais principios da viticultura tradicional como é a coplantacion de castes, sendo esta clave na preservación da diversidade xenética.
Na adega, practico a mínima intervención para que o viño fale só. Aínda que isto poida parecer non tocar nada, significa requirir un nivel de seguimento e rigor moito mais estrito. O resultado é unha produción limitada e artesá. Un viño honesto e puro, que non busca maquillaxe, que soamente fala da paisaxe e da persoa que os elabora.

Viños que producimos
CONGOSTRAS (Viño de Concello)
Variedades: 45% Albariño, 30% Treixadura, 25% Godello, Loureiro e Caiño Branco.
6 Parcelas ubicadas no concello de Ribadavia, parroquias de Ventosela e Francelos. Ladeiras do Rio Miño.
Solos: Sábrego, de tipo franco-areoso de pedra granítica.
Viticultura: Parcelas de minifundio. Cepas de entre 12 e 74 anos. Solo con cuberta vexetal espontánea e mais sementada. Mantemento manexado de xeito manual.
Elaboración: Fermentación espontánea en ánfora de barro e en aceiro inox. Posterior repouso coas súas lías.
O ROUCON (Parcela Única)
Variedades: Treixadura, Albariño e Godello.
Parcela O Roucón. Concello de Ribadavia, parroquia de A Groba. Marxe dereita do Rio Miño.
Solo: de arxila vermella.
Viticultura: Cepas, na maioría, cunha idade de 35 anos. Solo con cuberta vexetal espontánea e mantemento manexado de xeito manual.
Elaboración: Fermentación espontánea en carballo francés e aceiro inox. Posterior repouso coas súas lías.
O SEIXO (Parcela Única)
Variedades: Ferrón, Espadeiro, Carabuñeira, Sousón, Brancellao, Garnacha, Caiño Bravo e Caiño Longo.
Parcela O Seixo. Concello de Ribadavia, parroquia de Ventosela. Marxe dereita do Rio Miño.
Solo: Sábrego, de tipo areoso.
Viticultura: Parcela antiga plantada nos anos 60.
Elaboración: Fermentación espontánea en depósito de aceiro inoxidable. Fermentación maloláctica espontánea e posterior repouso coas súas lías.
FONTAN (Parcela Única)
Variedades: Caiño Longo, Ferrón, Sousón, Brancellao e Carabuñeira.
A partes iguais (20%) Parcela única: Fontán. Concello de Ribadavia, parroquia de Ventosela. Marxe dereita do Rio Miño.
Solo: Sábrego, de tipo franco-areoso con pouca profundidade.
Viticultura: Dous antigos socalcos recuperados no ano 2016. No ano 2017 plantouse a parcela por completo con material vexetal de castes propias que se foi escollendo nas parcelas mais antigas.
Elaboración: Fermentación espontánea en depósito de aceiro inoxidable. Fermentación maloláctica espontánea e posterior repouso coas súas lías.
OS PALLEIROS (Viño de Aldea)
Variedades: Gran Negro, Tinta da Zorra e Garnacha Tintureira.
Parcelas: Os Palleiros derriba e debaixo. Concello de Ribadavia, parroquia de Ventosela. Marxe dereita do Rio Miño.
Solo: Sábrego, de tipo franco-areoso de pedra granítica, con pouca profundidade.
Viticultura: Dous pequenos e antigos bancales separados. Con rexistros en documentos familiares anteriores os anos 30.
Elaboración: Fermentación espontánea en depósito de aceiro inoxidable. Estadía en pipa de castaño con fermentación maloláctica espontánea e posterior repouso coas súas lías.
Contacta con Héctor Pérez
Teléfono: 647904842
Enderezo electrónico: microparaxes@microparaxes.com
Redes sociais: Instagram @microparaxes
