
O Festival Colleiteiro
SON DO COLLEITEIRO. “O gran espectaculo de viño e música no verao de Galicia”
- Un ano máis a Asociación de Colleiteiros do Ribeiro e de Vitivinicultura artesanal de Galicia organiza o “Son do Colleiteiro”, o gran espectáculo de viño e música no verao de Galicia.
Cunha programación cargada de boa música e viño nas adegas e viñedos dos colleiteiros do Ribeiro. Os eventos terán lugar cada sábado dos meses de Xullo e Agosto, e pódese seguir a programación nesta mesma web e nas redes sociais dos colleiteiros: facebook.com/colleiteiros e en @colleiteiros, rematando cun gran evento final na vila histórica de Ribadavia.
Neste evento final que terá lugar o día 22 de Agosto na Alameda, xuntaranse a música tradicional, a gastronomía e o viño dos
colleiteiros, destacando a presencia de grupos como Comando Curuxás, Tarabelos, agrupacións folclóricas da comarca do Ribeiro e voces polifónicas, todo a disposición dun principio cultural e festivo que pretende armonizar o mellor da música galega cos viños dos pequenos produtores do Ribeiro.
Deste xeito a asociación de colleiteiros aposta pola tradición, a cultura e a historia, escollendo os viñedos e adegas da comarca como escenario cada sábado dos meses de Xullo e Agosto, e reforza a vila de Ribadavia como representante da historia do viño en Galicia e capital emblemática do viño do Ribeiro.
Preténdese deste xeito devolver o protagonismo ao territorio do Ribeiro, apostando pola paisaxe, a tradición e a cultura como sinais de identidade, en sintonia co que se fai noutros lugares de Europa de historia e tradición vitivinícola semellante: Cataluña, Euskadi, Borgoña, Jura, Toscana, Burdeos, Alsacia, etc, onde os pequenos viticultores e produtores apostan polo territorio propio para da-lo a coñecer e potencialo, atraendo a numerosos amantes do viño e da cultura de toda Europa.
Programa da segunda edición
04/07: Kike Carrera en Casal do Canteiro.
11/07: Logan / Dj LosKids en Xulia Bande.
18/07: Soul and Roul en Adega Pousadoiro.
01/08: Sabela e Benxa en Adegas Celme.
08/08: Gabor Grey en Cuñas Davia.
16/08: Os Tarabelos en Arco da Vella.
22/08: Romería fin de festival en Ribadavia con acceso libre: Comando Coruxás, Os Tarabelos e moitos mais. Coa participación de Casal do Canteiro / Xulia Bande / Pousadoiro / Celme / Arco da Vella – Adega do Eladio / Microparaxes / Casal de Boas Vides / Mauro Estévez / Adega Soños do Desterro.
O encontro musical e enolóxico do Ribeiro
